28 mar 2013

VISITA DE JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO

O pasado venres día 22, coincidindo ademais coa data do Día Internacional da Auga, tivemos a honra de contar coa visita de Jacobo Fernández Serrano, autor e ilustrador dos libros traballados nas aulas de primeiro e segundo "A GARDERÍA DE DONA BIXELMINA" e "A PEDRA E AS FORMIGAS".
Foron dúas sesións nas que deu informacións interesantes, aclaráronse dúbidas, mostrou ilustracións orixinais dos libros, e finalmente firmou os exemplares de cada alumno e alumna.






24 mar 2013

PRIMEIRO E SEGUNDO NO HORTO ESCOLAR




Neste mes de marzo o alumnado de primeiro e de segundo plantou  e sementou repolos, cebolas, coles e leitugas. Coa súa ilusión e traballo seguro que haberá unha gran colleita.




19 mar 2013

SEMANA DA POESÍA 2013

Hoxe o alumnado do Primeiro Ciclo recitou uns poemas, relacionados coa auga, de Antonio García Teijeiro, Rafael Alberti, Manuel María, Manuel Machado...
A pesar dos nervios do riguroso directo, fixérono moi ben. Noraboa.


11 mar 2013

LECTURAS NO PRIMEIRO CICLO


Lucas Leoncavalo vive no circo onde traballan os seus pais. Cando o circo pechou, Lucas xa non será nin domador nin trapecista e será obrigado a ir á gardería de dona Bixelmina, que está invadida por virus e microbios. Lucas Leoncavalo terá en semellante gardería que loitar contra estes terribles bichos que contaxiaban a meniños e meniñas otites, catarros, gripes, lombrigas e pulmonías, conseguindo vencelos. Mais o que non contaba Lucas era que tamén debería vencer á terrible dona Bixelmina. A gardería de dona Bixelmina, escrito e ilustrado por Jacobo Fernández Serrano, é un libro para primeiros lectores sobre o mundo do circo e das enfermidades contaxiosas que se producen nas primeiras idades.

Dúas formigas, que paseaban 
polo campo preto dun escuro bosque, viron na espesura unha pedra grande tapizada de carriza e decidiron descansar ao seu carón para merendar. De súpeto unha afinada voz de muller nova comezou a cantar ás súas costas. Non había dúbida ningunha, a voz viña da pedra. Quen se agocharía alí? A pedra e as formigas é un libro, dixirixido a lectores avanzados de sete anos en diante, escrito e ilustrado por Jacobo Fernández Serrano. Unha divertida fábula de animais sobre a amizade, onde as cancións e adiviñas teñen un papel destacado para desvelar a intriga que se lle propón aos lectores.

7 mar 2013

CADERNO DE INVESTIGACIÓN

Xa está aquí o caderno de investigación do 1º Ciclo. Agora o alumnado de primeiro e segundo iniciará as súas pescudas para aprender moito máis sobre "A auga no noso planeta e as súas utilidades."


2 mar 2013

RETO VOCABULARIO EN 2º

Este venres estivo visitando Pinguiña a aula de 2º. Por suposto os alumnos e as alumnas conseguiron superar o reto xenial do vocabulario. Que xente tan aplicada! Noraboa.