Traxectoria
De pai pintor e escenógrafo (Camilo Díaz Baliño), na súa casa tiñan lugar xuntanzas diversas relacionadas coas Irmandades da Fala. O seu pai foi asasinado cos primeiros movementos da Guerra civil española, o que fixo que Isaac tivera que agocharse ata poder saír de Santiago de Compostela. Pasou logo a traballar como rotulador na Coruña.
A súa condición de supervivente marcou a súa vida cunha misión: lembrar aos mortos e levar a cabo os soños polos que os mataron.
Despois da guerra, cursou entre 1939 e 1942 estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando (Madrid). A partir de aí, comezou a súa participación pública en diversas experiencias pioneiras como en 1941 participou na primeira experiencia española sobre deseño industrial, e en 1942 unha viaxe de estudos en Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro (Europa e América).
Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que visaba, por un lado, a modernización e internalización da cultura galega e, por outro, a rexeneración da desartellada historia de Galicia.
Deste xeito abandonou as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada) (onde o nomearían fillo predilecto), o que repite na Arxentina, onde pasaría trece anos e construiría xunto con outros destacados galeguistas como Luís Seoane o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, a editorial Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, etc.
Das institucións que este colectivo creou para recuperar a memoria histórica, sería a dirección e administración do Grupo Sargadelos a faceta máis coñecida do intelectual galeguista e a que marcaría os seus derradeiros anos e o seu último fracaso, xa que foi apartado da dirección e da administración do grupo.
Ao longo da súa vida recibiu moitas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), Premio Otero Pedraio das Deputacións Provinciais (1990), Insignia de Ouro (1991), Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1992) e da Universidade da Coruña (2007), Premio Trasalba da Fundación Otero Pedraio (1993), a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1995), a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo (2007) entre moitísimos outros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario